Proxectan melloras de mobilidade, lombos incluídos, en oito vías do rural pontevedrés
Por Redacción
Case 1,4 millóns de euros en obras para levar o modelo urbano da cidade ao rural. É o investimento que se fará ata final de ano para mellorar a mobilidade e a accesibilidade en oito vías das parroquias de Lérez, Lourizán, Salcedo, Tomeza, Campañó e Santo André de Xeve. Así o detallou o concelleiro delegado da área do Rural, Demetrio Gómez, tras a celebración da comisión de Obras, Mobilidade, Infraestruturas e Servizos.
En concreto, trátanse todas elas de vías de plataforma única con configuración de estrada e sen tráfico peonil suficiente para calmar de forma natural a velocidade dos vehículos.
As actuacións incluirán, polo tanto, a reconstrución dos muros de sostemento das vías, a mellora das drenaxes e conducións de auga, a revisión dos servizos soterrados, a construción dun novo firme e da capa de rodaxe da estrada, a instalacións de lombos e o pintado e sinalización de todo o viario.
As oito áreas nas que se actuarán son Filgueira (152.941,83 euros) e Sobral (90.484,34 euros) en Santo André de Xeve, O Cruceiro (134.639,63 euros) en Salcedo, Lusquiños (90.488,18 euros) en Tomeza, Sabarís (241.986,23 euros) en Campañó, A Piolla (190.001,23 euros) e A Gándara (241.134,40 euros) en Lérez e A Carballeira (250.000 euros) en Lourizán. Esta última ten un orzamento orientativo xa que o proxecto aínda se está redactando.
A estas obras súmanse, segundo Demetrio Gómez, os traballos de sostemento que, valorados en 250.000 euros, supoñen principalmente a reparación das vías e elementos públicos no rural pontevedrés; ou os 397.398,51 euros que se están a investir no núcleo de centralidade parroquial de Salcedo.
Este proxecto abrangue as rúas que hai entre as dúas entradas do cemiterio e circunda toda a parcela do parque, do centro social -que se está a construír- e da casa do monte; tamén calma e confina o tráfico na parte máis afastada da praza; xera un percorrido peonil que se integra na praza do centro social e aproveita os valores patrimoniais da zona. Ademais transporta ao rural os estándares de calmado de tráfico, con prioridade do tránsito peonil, que se usan na cidade e que xa se reproduciron na praza de Cabaleiro, en Campañó.
Relacionadas:
-
O Concello ten en execución e en carteira obras no rural por cinco millóns
Por Redacción |
-
Adxudican máis de 600.000 euros en obras para mellorar a accesibilidade no rural
Por Redacción |
-
Decepción no PSdeG-PSOE pola normativa 'anti-lombos' presentada polo PP
Por Alejandro Espiño |
-
Aproban novas obras no rural por valor de 660.000 euros
Por Redacción |
-
Tras a nova Casa da Cultura, aproban máis de 600.000 euros en obras para Salcedo
Por Redacción |
-
Crédito de 2,8 millóns para financiar a renovación da cuberta do municipal e outras obras urbanas e rurais
Por Diego Espiño |
-
726.000 euros para prolongar a vida útil das vías urbanas
Por Redacción |