Facendo viño con chupete
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/78e/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/560e992616-d_mg_0072.jpg)
© Deputación Provincial de Pontevedra
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/c53/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/560e998fbb-d_mg_0074.jpg)
© Deputación Provincial de Pontevedra
Algúns aínda usan chupete e xa saben facer viño. Ou polo menos viron como se fai e colaboraron no proceso de elaboración. Son os alumnos da escola infantil Chupetes, dependente da Deputación Provincial de Pontevedra, que esta semana participaron nunha festa da vendima e implicáronse na recollida de acios e a elaboración dun mosto.
Segundo informou a Deputación a través dun comunicado, os rapaces quedaron "abraiados e satisfeitos" e recibiron aos seus pais con frases tan expresivas como "Fixen viño, mamá! Fixen viño, papá!". Todo sen saír do recinto da escola infantil, pois o equipo educativo recreou un viñedo na parte de terra do patio.
Os educadores puxeron unhas cepas con cordeis á altura dos rapaces nas que colgaron follas de vide e prenderon cunhas pinzas da roupa acios con uvas albariñas e de mesa. Os rapaces recolléronas das parras para uns caldeiros, aínda que algunha tamén as comeron. A continuación, apertaron os froitos nuns embudes simulando o mecanismo das prensas das adegas ata que saíu o zume das uvas. Fixeron mosto, aínda que para eles era, a todos os efectos, viño recén feito.
A directora do centro indicou que "dun xeito infantil puideron comprobar en primeira persoa que as uvas saen das vides e que despois dun proceso se converten en viño", unha actividade coa que puideron coñecer o seu contorno. A deputada de Servizos Sociais, Eva Vilaverde, destacou a calidade da programación educativa do centro de infantil, que "fomenta a autonomía dos máis pequenos no desenvolvemento da súa personalidade e o coñecemento do contorno e das actividades propias da nosa identidade".