De fogueteiro a pirómano
Por Redacción
Preto de catro hectáreas de monte foron pasto das chamas este martes en Vilagarcía. Segundo informou o servizo de Emerxencia e Protección Civil de Vilagarcía o lume declarouse ás catro menos vinte da tarde.
Foron localizados dous focos e todo apunta a que o incendio se provocou de maneira involuntaria, xa que preto da zona unha empresa pirotécnica estivo a lanzar bombas de palenque durante 50 minutos con motivo das festas de San Miguel da parroquia de Trabanca Badiña.
Varias brigadas anti incendios da Xunta ocupáronse da extinción do lume, que se deu por extinguido ás 19:30 horas.
O Servizo de Protección da Natureza, Seprona, da Garda Civil acudiu á zona para determinar as causas do suceso requirindo a documentación á comisión de festas e á pirotécnica.