Identifican unha muller como presunta autora dun furto de 1.000 euros
Por Redacción
Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Pontevedra identificaron a unha muller de 39 anos, natural de Bulgaria e con domicilio en Valladolid, con antecedentes policiais por actos similares noutras localidades de Galicia, como presunta autora dun delito de furto na cidade.
O suceso producíase o día 2 de setembro cando un veciño de Pontevedra presentaba unha denuncia na Comisaría provincial ao ser vítima da subtracción dun sobre no que portaba 1.000 euros.
Segundo sinalou a vítima, retirara o diñeiro dunha sucursal bancaria da rúa García Camba. Tras metelo nun sobre o gardara nun lateral do carriño da compra e dirixiuse a un establecemento comercial próximo para realizar algunhas compras. No momento de ir pagar comprobou que o sobre co diñeiro desaparecera.
O denunciante informou os axentes de que no establecemento tropezara cunha muller que nun momento dado bloqueoulle o paso e, segundo sospeita a Policía, foi o momento en que aproveitou probablemente para subtraerlle o diñeiro.
Segundo indican desde a Comisaría de Pontevedra, os autores de furtos ao descoido realizan nun primeiro momento unha vixilancia exterior e interior dunha ou varias entidades bancarias, nalgúns casos facéndose pasar por clientes ou realizando algunha xestión. Elixen á vítima, preferentemente muller e de avanzada idade e comproban que retirase unha cantidade importante de diñeiro. Seguen á vítima e buscan o momento propicio para a comisión do furto.
A Policía recomenda especial coidado por parte das persoas maiores que acoden ao banco para retirar importantes cantidades de diñeiro e desde a Comisaría aconséllase que acudan acompañadas. En caso de calquera sospeita, recomendan chamar ao 091 e os axentes ofrécense a acompañar a estas persoas aos seus domicilios.