O remate das obras do Xistro supón un aumento da oferta lúdico-deportiva buenense
Por Redacción
A vila buenense xa ten ao seu dispor un novo complexo multideporte: o do Xistro. Estes días remataron as obras de execución destas instalacións que supoñen “unha ampliación da oferta lúdico-deportiva, ao darlle un novo uso a unha zona que antes non a tiña”, segundo salientou o alcalde buenense, Félix Juncal.
As obras supuxeron a mellora do espazo público ao incluír mesas, un mirador, árbores, un parque infantil e unha zona de xogos tradicionais (petanca e chave), a substitución dun murete de contención de formigón de 1,50 metros de alto ou a reparación da zona danada do cerco de valla metálica nunha altura media dun metro.
A estas actuacións hai que engadir as melloras, valoradas en 7.904 euros, e que consistiron na inclusión dunha soleira de formigón no camiño de acceso e doutra na zona de ocio, das que Juncal se mostrou moi satisfeito, xa que supoñen importantes melloras no acceso.
Esta obra está enmarcada dentro dun proxecto que se considera de grande interese desde o punto de vista medioambiental ao estar as instalacións nunha zona estratéxica por situarse entre as praias de Lapamán e Portomaior. Para a súa execución, o Concello recibiu a comezos do mes de maio a aprobación dunha subvención por parte da Xunta de Galicia, cunha contía que supón o orzamento total que se estableceu en 33.057 euros.
PISTA MULTIDEPORTE AS LAGOAS
Pola súa banda, a vindeira semana vanse comezar as obras de reparación na pista polideportiva das Lagoas, inaugurada recentemente e que conta con desperfectos na madeira de detrás das porterías ocasionados polo uso dado.
En vista de que algunhas das táboas que compoñen a pista neste lado están rotas, procederase á reposición das madeiras deterioradas mediante o reforzamento dos fondos das porterías. En concreto, segundo o aparellador do Concello, a empresa vai colocar táboas de dous centímetros e medio de madeira maciza na zona central, de maneira que se reforza a zona débil das táboas xa colocadas. Ademais, Félix Juncal anunciou que se está pensando en incluír unhas normas de utilización da pista, para que "se use para xogar, e non como competición".