Un ciclista foi atropelado no carril bici do Paseo Rafael Areses
Por Redacción
Un ciclista foi atropelado no carril bici do Paseo Rafael Areses ao seu paso pola Ponte de Santiago. O deportista circulaba na compaña doutros compañeiros.
O ciclista ten varias costelas rotas provocadas polo impacto co vehículo.
O accidentado é familiar de varios integrantes de Masa Crítica Pontevedra que saiu ao paso deste suceso recordando a todos os cidadáns que a seguridade viaria "é unha responsabilidade de todos, que conducir un vehículo ten riscos que pagamos todos en especial ciclistas e peóns".
SALVA O CLIMA
O sábado día 26 a asociación Pedaladas e Masa Crítica Pontevedra colaboraron con Greenpeace na campaña de acción global que están a facer con vistas ao Cumio de cambio climático que terá lugar a finais deste ano en París.
No acto percorreron a cidade con bicicletas levando con nos a mensaxe de "Salva o Clima" en carteis polas principais prazas da cidade.
A asociación Pedaladas e Masa Crítica Pontevedra defenden o uso da bicicleta como vehículo "ecolóxico, lóxico, económico e saudable". A bicicleta é a "opción menos contaminante de transporte" e non ten o custo para a saúde das persoas que ten o vehículo a motor.
Masa Crítica considera "especialmente grave" o caso da Volkswagen que desconectaba en 11 millons de vehículos diesel o seu sistema que reduce a contaminación "coas consecuencias que isto ten para a saúde poboación".
"Este fraude é unha proba de que os cidadáns non debemos conformarnos con basear toda a nosa mobilidade no vehículo a motor e debemos gradualmente usar máis o transporte publico, a bicicleta e camiñar como medio para coidar da nosa saúde e do noso planeta", salientan.