O Concello sopesa levantar a Praza de Galicia
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra deu a orde para que os técnicos elaboren un proxecto de mellora da rede de saneamento na Praza de Galicia. Aínda que está moi verde, como admitiu o portavoz municipal, Raimundo González.
O goberno local cre ter resolta a contaminación que se producía no río Gafos, os días de choiva, porque se mesturan en canalización as augas pluviais e as fecais.
Nunha primeira fase abordáronse aqueles focos contaminantes detectados. Unha vez superada esta etapa agora preténdese eliminar carga e facer separativa de pluviais e fecais deste punto do casco urbano, que foi remodelado por última vez durante o último mandato do alcalde José Rivas Fontán.
Evidentemente é unha actuación forte que afectará a toda o contorna da Praza de Galicia, Andrés Mellado e o entronque de Andrés Muruais.
De momento trátase dunha idea, unha intención, que se trasladará aos técnicos para o seu desenvolvemento. Nunha primeira estimación espérase que a reforma saia por aproximadamente 330.000 euros.