Apelan á veciñanza para conservar a "herdanza viva" de Marín
Por Diego Torrado
O Padroado de Mareantes de San Miguel celebrou os actos na honra do seu patrón cunha sesión institucional no Concello de Marín na que Carlos Martínez Arias foi nomeado presidente emérito do Padroado, cunha misa solemne no Templo Novo e cunha procesión que percorreu distintos espazos do centro urbán -Palco da Música na Alameda Rosalía de Castro, Praza de España, Praza do Reloxo- nos que se interpretou a Danza de Espadas a cargo dos grupos de danzantes do Ateneo Santa Cecilia e do grupo Meigas e Trasgos.
O novo presidente do Padroado San Miguel, Lois González Dopazo, fixo un chamamento á veciñanza para "apoiar e axudar" a esta entidade no seu labor de "conservar este legado histórico, para que se manteñan estas tradicións populares fondamente enraizadas, como unha herdanza viva de Marín e de toda a cultura galega".
Xunto con González Dopazo, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta, Román Rodríguez, a presidenta da Deputación Provincial de Pontevedra, Carmela Silva, e a alcaldesa de Marín, María Ramallo, presidiron os actos protocolarios no Concello, consistentes na entrega de medallas, diplomas e distincións ás autoridades, os danzantes e os novos confrades.
Así, foron nomeados presidentes de honra do padroado o propio conselleiro Román Rodríguez, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o comandante director da Escola Naval Militar, José María Núñez Torrente; como confrades de honra, a concelleira de Festas do Concello de Marín, María José de Pazo, o director de danza do Ateneo Santa Cecilia, Antonio Caiña, o Colexio Inmaculada e o Colexio A Laxe. Tamén recibiron as insignias das espadas de ouro e de prata os danzantes que -respectivamente- cumprían 20 e 10 anos bailando.
Na nova etapa que acaba de comezar, a actual dirección do padroado seguirá velando pola investigación desta tradición gremial de orixe mariñeira que se remonta ao século XVII, polo mantemento da Confraría de Mareantes de San Miguel que conta con máis de 300 confrades, e pola divulgación e promoción deste patrimonio cultural para que se transmita "ás xeracións vindeiras", como explicou Lois González Dopazo, quen destacou que a Danza de Espadas de Marín foi declarada Festa de Interese Turístico de Galicia.