A Universidade premia ao alumnado excelente de novo ingreso
Por Redacción
A Universidade quere acoller dun xeito especial ao alumnado cunha traxectoria curricular de excelencia nos estudos previos de ensino secundario e faino premiando aos mellores estudantes que elixiron esta institución para comezar a súa formación superior. Os 45 alumnos co mellor currículo que se matriculen no curso 2015-2016 nalgún dos tres campus (Pontevedra, Vigo e Ourense) recibirán como premio unha tableta PC. As solicitudes poderán presentarse ata o vindeiro 23 de outubro.
Os premios á excelencia académica recoñecen as mellores aptitudes do estudantado de novo ingreso tendo en conta tanto aos premiados na convocatoria dos premios extraordinarios da Xunta de Galicia como os mellores expedientes académicos de bacharelato e FP ou os éxitos nas olimpíadas científicas.
O curso pasado houbo unha maioría de mulleres excelentes
Dos 45 premiados o curso pasado, 28 alumnas recibiron este premio fronte a 17 alumnos. De todos eles, 28 recibiron o premio por ter unha media igual ou superior a 8,5 no bacharelato; 14 por ter unha media igual ou superior a 9 en FP; dous por teren recibido os Premios Extraordinarios convocados pola Xunta de Galicia e un como gañador das olimpíadas científicas. Como na anterior edición, as titulacións de enxeñaría foron as preferidas polo alumnado premiado para matricularse, seguidas doutras como Linguas Estranxeiras, Fisioterapia, Bioloxía ou diferentes titulacións das Ciencias da Educación.
A constancia, a motivación e a capacidade de organización están detrás destas traxectorias prometedoras que este curso comezan a agromar nas aulas da Universidade de Vigo.