Unha discusión por diñeiro remata cun home acoitelado e outro en prisión
Por Natalia Puga
O Xulgado de Garda de Pontevedra decretou o ingreso en prisión provisional dun veciño da cidade por supostamente causar dúas feridas con arma branca a outro individuo durante unha discusión iniciada nas inmediacións da rúa Sarmiento porque un dos implicados pediu diñeiro a outro.
A agresión produciuse sobre as 00.15 horas da madrugada do sábado ao domingo. Segundo puido pescudar a Policía Nacional, un dos dous implicados pediu diñeiro ao outro e ao negarse este iniciouse unha forte discusión salpicada de múltiples ameazas e posteriormente un forcexo.
O enfrontamento terminou cunha agresión cunha navalla do agora detido á súa presunta vítima, que sufriu unha ferida inciso contusa no ombreiro e outra no costado esquerdo, ademais de feridas nun dedo froito da pelexa.
A Policía Nacional tivo constancia do incidente cando varios viandantes requiriron a presenza dunha patrulla que estaba realizando labores de prevención da seguridade cidadá nas inmediacións da rúa Sarmiento. Alertáronos dunha pelexa entre dous varóns nunha rúa colindante.
Os axentes desprazáronse ao lugar e observaron a dous individuos discutindo acaloradamente. Un deles estaba sangrando profusamente pola man dereita, polo que os axentes requiriron a presenza dunha ambulancia do 061 e procederon a identificar aos dous homes.
Un dos dous identificados atopábase nun estado alterado e violento e o outro trataba de irse do lugar, polo que tiveron que interceptalo unha rúa máis abaixo. Mienras tanto, chegou a ambulancia e logo dunha primeira valoración e asistencia o ferido foi trasladado ao Hospital Montecelo.
O outro implicado foi detido como presunto autor da agresión. Unha vez tramitado o correspondente atestado policial e comprobado que tiña antecedentes policiais, foi posto a disposición do Xulgado de Garda de Pontevedra, que decretou o seu ingreso en prisión.