Os nenos de Ponte Caldelas están concienciados no consumo responsable da auga
Por Redacción
Augas de Galicia puxo en marcha na praia fluvial de Ponte Caldelas unha actividade de sensibilización e educación ambiental nos ecosistemas fluviais que ten coma obxectivo concienciar os máis novos na importancia da conservación do noso medio ambiente e, en especial, na loita contra o consumo irracional de auga doce e o deterioro da calidade da auga dos nosos ríos.
No acto estivo presente o alcalde da localidade, Andrés Díaz, así coma técnicos de Augas de Galicia e do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia.
Nestas actividades participaron case 100 alumnos do CEIP Manuel Cordo Boullosa e do CEIP Reigosa de Ponte Caldelas, de 5º e 6º de Educación Primaria.
Os nenos aprenderon como se compatibilizan ou limitan as actividades humanas que causan presións ambientais nos ríos, ademais de entender a importancia de manter os ríos libres de contaminación e de realizar un consumo responsable da súa auga.
Os rapaces puideron comprobar como o persoal de Augas de Galicia medía a calidade da auga do río Verdugo e os niveis de contaminación, mostrándolles tamén, a maiores, a importancia de medir o caudal do río para asegurar a supervivencia das especies animais e vexetais durante as diferentes estacións do ano.
Este obradoiro permitiu aos máis pequenos descubrir a vida animal e vexetal que se atopa no ecosistema do río: macroinvertebrados, pequenos mamíferos, aves ou bosques de ribeira.