En 15 días arranxarán a estrada provincial entre Cela e Outeiro
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra iniciará nos vindeiros 15 días unhas obras de mellora na estrada provincial EP-1305 Cela-Outeiro para corrixir o problema de asentamento do firme que ten a vía.
Segundo asegura o deputado de Infraestruturas, Uxío Benítez, "trátase dunha boa actuación de emerxencia coa que se pretenden evitar problemas como mínimo durante este inverno". O anuncio das obras fíxose nunha visita dos deputados Xosé Leal e Uxío Benítez a Bueu, onde se reuniron na Casa do Concello co alcalde, Félix Juncal, e despois realizaron unha visita á estrada para coñecer persoalmente as súas deficiencias.
A EP-1305 leva en mal estado dende hai anos debido ás filtracións dun colector de saneamento que está instalado baixo a estrada. A tubaxe ten perdas e foi minando o asentamento da calzada, o que creou tamén moitas fendas na superficie polas que se filtra auga de chuvia.
A actuación de emerxencia na estrada entre Cela e Outeiro será executada, segundo explicou o deputado de Infraestruturas Uxío Benítez, con maquinaria e persoal propio da deputación provincial, que se trasladarán ata a vía tan pronto como finalicen outros traballos no polígono industrial.
MÁIS ACTUACIÓNS
O departamento que dirixe Uxío Benítez prevé tamén realizar outras actuacións nesa mesma vía, como son a creación de cunetas, a instalación de biondas e de 'sobreanchos' de firme nalgunhas curvas.
Por outra banda, o alcalde de Bueu, Félix Juncal, agradeceu o compromiso da Deputación para executar os traballos na EP-1305 de forma urxente e manifestou a súa intención de elaborar unha memoria de necesidades das demais vías provinciais dentro do municipio que dirixe en relación ao mantemento, seguranza viaria e mobilidade. Esta relación de peticións será trasladada a Uxío Benítez para que o departamento de Infraestruturas priorice as actuacións que considere máis necesarias.
O Concello de Bueu conta con nove vías de titularidade provincial que suman 23,6 quilómetros (as vías Alto Portela-Beluso, Beluso-Cabo Udra, Banda do Río-Portela, Bueu-Igrexario de Cela, Igrexario de Cela-Outeiro-Bueu, Portela-Ermelo, e os acceso ás praias de Lapamán, Lagos e Beluso).