Sábado, xornada de portas abertas no Centro Sur de Campolongo
Por Redacción
Os colectivos e asociacións que enchen día a día de actividade o Centro Sur, en Campolongo, serán os protagonistas este sábado 26 de setembro da xornada de portas abertas do centro social.
"Interésanos moito que estas asociacións sexan coñecidas", explicou a concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, polo que a xornada está aberta "a toda a cidadanía".
Dará comezo ás 18:30 horas e contará con diversas actividades e exhibicións, ademais de ofrecer un petisco para todos os asistentes.
O Centro Sur, a falta de poder acometer a reforma das plantas superiores, atópase actualmente "a tope" de capacidade, sendo ocupado polas asociacións vecinais Amigos de Campolongo e Salcedo Norte, o Fondo Galego de Cooperación, o Coro de Maiores, a Sociedade Polifónica de Pontevedra, a Sociedade Galega de Antropoloxía e o Cineclub.
Ademais o pavillón anexo ao centro está sendo utilizado actualmente polos clubs de taekwondo e esgrima da cidade.