Reclaman responsabilidades á Xunta polo "fiasco completo" da regularización de núcleos costeiros
Por Redacción
O portavoz de Política Territorial do grupo socialista, Xosé Sánchez Bugallo, urxiu este xoves ao goberno galego que "aterrice" e dea conta do "fiasco completo" e do "enorme engano" do PP coa regularización de núcleos costeiros a través da Lei de Costas. Os socialistas levarán ao próximo Pleno unha moción para que o goberno se reúna cos concellos afectados para axudalos neste conflito.
Segundo os datos oficiais do proceso de regularización dos núcleos tradicionais, dos 255 núcleos afectados en 58 concellos, foron denegados 163 e aprobados 14, o 7,9 por cento do total, unha porcentaxe que se reduce ao 5,8 descontando o caso de Marín, o único concello con tódalas solicitudes aceptadas nun proceso que comezaron á marxe da lei antes da súa reforma.
Sánchez Bugallo criticou que o PP anunciaba en 2013 a norma como unha "fórmula sinxela" para regularizar a situación de a lo menos 8.000 vivendas de xeito inmediato e logo de dous anos "non hai nin 800".
O problema, dixo, radica en que a proposta de reforma da lei aprobada polo Parlamento de Galicia foi adulterada polo PP no Senado endurecendo os requisitos ata límites "imposibles". No trámite introduciron como requisito constatar tanto a consolidación dos núcleos como a disposición de servizos no ano 1988, cando a maioría deles xestionaban a súa propia auga da traída e trataban as augas fecais en fosas sépticas.
A inmensa maioría das vivendas afectadas en Galicia quedan agora "fora de ordenación" e o goberno galego "lava as mans" e responsabiliza a concellos e goberno central, tentando de eludir o que é "unha cuestión de país" que afecta a 12.500 familias galegas.
Ademais, esixiulle ao goberno galego que se responsabilice e "colabore cos concellos e presione en Madrid" para resolver esta situación, e advertiu que a vía que propón agora, o da súa regularización a través dos plans xerais de ordenación municipal, tampouco ofrece garantías por canto require un informe de Costas "preceptivo e vinculante".