Graves danos nun muro en Taboadelo debido ás últimas choivas
Por Redacción
As últimas choivas caídas provocaron importantes danos nun muro recentemente construído en Taboadelo, Ponte Caldelas.
Trátase de varios buracos e afundimento na calzada, o que provocou a crítica do goberno local.
Entende o alcalde, Andrés Díaz, que o muro en cuestión é unha "chapuza herdada" do anterior goberno ao construírse "de xeito electoralista, a correr e mal" antes da cita coas urnas.
"Agora tócanos a nós ter que resolver un problema grave e a gastar, de novo, cartos cos que non contabamos e que terán que ir con cargo aos orzamentos do vindeiro exercicio", sinalou o rexedor.
Segundo explica Díaz, as obras realizáronse utilizando como recheo unha terra inadecuada para este tipo de traballos, polo que se deberá acometer a súa reconstrución usando material compactado.
Mentres isto non suceda tomáronse medidas de precaución para sinalizar a zona e garantir a seguridade viaria de coches e peóns.