Suspenden o xuízo contra unha rede que introducía heroína en Pontevedra tras renunciar ao avogado un dos acusados
Por Oskar Viéitez
A renuncia ao seu avogado por parte dun dos acusados provocou a suspensión do xuízo que estaba sinalado para este martes na Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra contra catro persoas acusadas de integrar unha rede dedicada a introducir diversas cantidades de heroína desde Murcia ata Pontevedra.
Os catro procesados enfróntanse a unha petición de pena por parte do fiscal antidroga de 9 anos e medio de prisión (oito anos por tráfico de drogas e ano e medio polo delito de constitución e integración de grupo criminal) así como a unha multa de dous millóns de euros.
Os acusados son un veciño de Moraña, José María D. P., de 35 anos; así como dous de Sanxenxo, Benjamín C. T., de 53 anos; e Ana Isabel V. O., de 32; ademais dun cidadán albanés radicado en Pontevedra, Erion M. de 26 anos de idade.
Precisamente foi este último o que renunciou ao letrado que tiña designado de oficio.
Erion M., que se atopaba en situación irregular en España, acusou o avogado de "faltar á honra do código deontolóxico da avogacía, deixándome en estado de indefensión por non querer presentar todas as probas que en causa vén pedindo".
Este cidadán albanés, que permanece ingresado na prisión da Lama desde a súa detención, afirmou que renuncia ao seu avogado "porque carece de competencia" e acúsalle de actuar "con dobre xogo e non para os intereses do seu defendido", polo que solicitou que se lle asigne unha nova defensa de oficio.
Segundo o Ministerio Público, Erion era o que tiña os contactos cos subministradores da droga no sur de España, e como xefe da rede negociaba as compras da heroína e posteriormente, unha vez a droga atopábase en Galicia, encargábase da súa distribución. Segundo o fiscal, neste labor colaboraba a súa parella sentimental, Ana Isabel V. O., nacida en Sanxenxo.
A Fiscalía considera que os outros dous acusados, José María e Benjamín eran quen transportaba a droga ata Murcia, nunhas caletas habilitadas nun vehículo Audi A3 propiedade de Benjamín.
Durante un deses transportes, o 31 de maio de 2014 foron interceptados na peaxe da AP-9 en Vilaboa, cun alixo de case dez quilos de heroína que, unha vez reducida a pureza quedou en 5,8 quilos desta sustancia.
Durante un rexistro policial nos domicilios dos outros dous acusados, Erión e Ana Isabel, acháronse unha balanza de precisión, diñeiro en efectivo e anotacións manuscritas de números de teléfonos, entre eles o do acusado Benjamín.