Retoman o xuízo contra un grupo organizado que transportaba heroína dende o sur da Península ata Pontevedra
Por Natalia Puga
A Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra xulgará a próxima semana a catro acusados de integrar un grupo organizado que se dedicaba ao transporte de heroína desde o sur da Península Ibérica ata Pontevedra para a súa posterior distribución entre os consumidores finais do produto. O xuízo tivera que suspenderse en setembro ao renunciar un avogado.
O fiscal mantén que este delito cometíano os catro acusados que sentarán no banco da Audiencia e outras persoas non identificadas e que todos eles eran conscientes do dano que xeraban para a saúde pública. Considera que todos eles son autores dun delito contra a saúde pública na súa modalidade de sustancias que causan grave dano para a saúde en cantidade de notoria importancia e outro de integración de grupo criminal polo que deberían cumprir nove anos e medio de prisión cada un, isto é, unha pena total de 38 anos.
Os procesados son o veciño de Moraña José María D.P., con antecedentes penais non computables a efectos de reincidencia; os veciños de Sanxenxo Benjamín C.T., sen antecentes, e Ana Isabel V.O., con antecedentes nin computables; e o mozo natural de Albania Erion M., nacido en Fier, en situación irregular en España e sen antecedentes penais.
Cada un dos imputados desempeñaba no grupo funciones concretas e complementarias entre si, tendentes ao éxito do plan último de distribuír a droga en Pontevedra. Eiron era o líder, ao ter os contactos cos subministradores da heroína no sur de España. Era el quen negociaba e concertaba as compras da heroína e, posteriormente, unha vez a droga atopábase en Galicia, encargábase da súa distribución.
Ana Isabel V.O., parella sentimental de Eiron, colaboraba directamente con el, centrando máis a súa actividade na distribución da droga cando chegaba a Pontevedra. Os outros dous imputados, José María e Benjamín, encargábanse do transporte da heroína desde o sur de España ata Pontevedra, cumprindo as instrucións que recibían de Erión e usando un Audi A3 dotado dun mecanismo expresamente deseñado para levar oculta a droga evitando posibles controis policiais.