Denuncian que as obras do Nó do Pino prexudican "notablemente" o muíño de Cabanas
Por Alejandro Espiño
A asociación ecoloxista Vaipolorío denuncia a situación na que se atopa actualmente o muíño de Cabanas (Salcedo), un dos elementos de maior valor patrimonial do Río Gafos. Aseguran que as obras que se están executando no Nó de O Pino puxeron en perigo esta construción e esixen ao Ministerio de Fomento que restitúan o estado do cauce do río, un cambio que provocou, din, o deterioro da estrutura.
Nun escrito presentado ante a Demarcación provincial de Estradas do Estado, que asinan tamén a Asociación de veciños Heroes Campo da Porta de Salcedo e a comunidade de herdeiros do muíño, afirman que, para elevar as columnas que sosteñen a ponte do Nó de O Pino, realizáronse unha serie de obras que obrigaron a elevar a canle do río Gafos e do río Pintos "de xeito considerable".
Con esta actuación creouse unha balsa de auga de 200 metros que anteriormente non existía, nun treito no que está situado o citado muíño de Cabanas, rehabilitado recentemente e que, aínda que xa non moe con fins económicos, funciona como Aula da Natureza e recibe a visita de numerosos escolares.
Esta situación provoca, segundo estas tres asociacións, que se inunden as inmediaciones do muíño, atascando a súa estrutura e impedindo que o rodezno poida virar. Todo iso conleva a que o muíño leve "todo o outono e o que vai de inverno sen moer", co conseguinte deterioro.
Por iso é polo que, debido á paralización das obras do Nó de O Pino, polos impagos da empresa OCA, estas tres asociacións reclaman que "como non sabemos o tempo que durará esta situación", esixen que se restitúa "canto antes" a canle do río ao seu estado orixinal, ao entender que está xerando unha "notable alteración medioambiental" do Gafos e o seu ecosistema.