Vaipolorío e os herdeiros do muíño de Cabanas denuncian ante o Seprona os efectos das obras do Nó do Pino
Por Redacción
Integrantes da asociación ecoloxista Vaipolorío reuníronse este domingo cos herdeiros do muíño de Cabanas, na parroquia de Salcedo, para analizar a presentación de posibles denuncias polos danos ocasionados nesta infraestrutura a raíz das obras do Nó do Pino.
Decidiron, en primeiro lugar, poñer os feitos en coñecemento do Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil. A continuación estudarán emprende accións legais contra o Ministerio de Fomento, a Xunta de Galicia e a empresa construtora.
As posibles denuncias que se presentarán estarán centradas en vincular a situación de inactividade e deterioración do muíño e o danos na rede de rede de sumidoiros que repercute directamente no río que o atravesa coa paralización das obras do Nó do Pino.
Vaipolorío defende o muíño de Cabanas como un dos elementos de maior valor patrimonial do río Os Gafos, rehabilitado recentemente e que, aínda que xa non moe con fins económicos, funciona como Aula da Natureza e recibe a visita de numerosos escolares.
Dende Vaipolorío aseguran que as obras que se están a executar no Nó do Pino puxeron en perigo esta construción e esixen o Ministerio de Fomento que restitúan o estado da canle do río, un cambio que provocou a deterioración da estrutura.
Segundo denuncian, con esta actuación creouse unha balsa de auga de 200 metros que anteriormente non existía, nun tramo no que está situado o citado muíño de Cabanas. Esta situación provoca, segundo estas tres asociacións, que se inunden as inmediacións do muíño, atascando a súa estrutura e impedindo que o rodezno poida xirar. Todo iso leva consigo a que o muíño leve "todo o outono e o que vai de inverno sen moer", coa conseguinte deterioración.