68 novos estudantes de intercambio fan de Pontevedra un campus políglota
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/074/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5600174e76-700x429-g1.jpg)
© Universidade de Vigo
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/0ec/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/560017803e-700x412-g4.jpg)
© Universidade de Vigo
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/a7e/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/56001792c3-700x528-g6.jpg)
© Universidade de Vigo
De Turquía a Taiwan, pasando por México ou Brasil, estudantes de 15 países atópanse xa en Pontevedra para facer máis internacional un campus neste curso recibe a un total de 68 alumnos de intercambio.
Boa parte deles encheron este luns a sala de conferencias da Casa das Campás, onde os vicerreitores de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, Manuel Fernández, e do campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho, quixeron brindarlles unha “acolledora benvida”, nun acto no que no que estiveron acompañados pola técnica superior de Relacións Internacionais, Eva Garea, e no que puideron coñecer ao detalle “todo aquilo que a universidade pode ofrecervos máis aló da propia oferta académica”, como sinalou Fernández.
Diso encargáronse responsables dos servizos de Extensión Cultural, Deportes, Normalización Lingüística, Biblioteca e Centro de Linguas, así como da asociación ESN-Vigo, nun acto no que os estudantes foron agasallos cun exemplar de Prismas da cidade, o caderno de viaxe da cidade elaborado por alumnado e cidadanía no marco do programa Tangram, que a Vicerreitoría do campus promove xunto co Concello de Pontevedra.
Destes 68 alumnos estranxeiras, 44 estudarán en Pontevedra durante o primeiro cuadrimestre, mentres que outros 21 permanecerán na cidade durante todo o curso, aos que está previsto que se sumen outros tres no segundo cuadrimestre. Un ano máis, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación será o centro que máis estudantes estranxeiros reciba, un total de 35, mentres que Belas Artes acolle a 19, Ciencias da Educación e do Deporte a 12 e Fisioterapia a dous.
Italia, con nove, e México, con dez, son xunto con Brasil, de onde chegaron 16 estudantes, os países que máis estudantes achegan ao campus pontevedrés, grazas aos diferentes programas de mobilidade e a iniciativas como o convenio de dobre titulación subscrito entre as universidades de Vigo e Sao Paulo para o grao en Dirección e Xestión Pública.