Propoñen dar o nome de Amalia Álvarez, viúva de Bóveda, a un parque na Eiriña
Por Alejandro Espiño
Tras Josefina Arruti, que deu nome ao desdobramento da avenida de Vigo, Pontevedra continuará homenaxeando a mulleres vítimas da represión fascista no seu rueiro. Cumprindo un acordo plenario do pasado mes de xullo, o goberno municipal propoñerá o vindeiro martes que un dos últimos parques que se crearon na cidade, no barrio da Eiriña, leve o nome de Amalia Álvarez, viúva de Alexandre Bóveda.
Segundo explicou a concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, trátase dunha proposta que se acordou tanto coa Fundación Bóveda como coa familia e ambos aceptaron este ofrecemento, xa que o político galeguista "tiña unha vinculación moi especial coa Eiriña".
En concreto, trátase do parque que se creou na unidade de actuación número 18 e que está delimitado polas rúas Filgueira Valverde, Paxariñas e rúa das Leitugas.
Aínda que nun principio barallouse a posibilidade de bautizar unha das rúas de nova apertura, como as que se acaban de recepcionar nos antigos terreos de Tafisa, finalmente o BNG entendía que, por agora, eran viarios "escampados e sen importancia suficiente" como para homenaxear a unha figura tan importante como a de Amalia Álvarez.
Amalia coñeceu ao que posteriormente se convertería no seu marido tras coincidir na Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra. casaron en 1930 e tiveron cinco fillos. Seis anos despois, o 18 de agosto de 1936 o fusilamento de Bóveda cambiou traxicamente a súa vida. Desde entón, levou con dignidade o silenciamiento da figura do seu marido e a persecución das ideas democráticas e nacionalistas que defendeu.
Tanto a inauguración da avenida Josefina Arruti como o nomeamento deste parque en homenaxe a Amalia Álvarez son o punto de partida para un acto institucional que se celebrará o próximo ano, coincidindo co 80 aniversario do golpe militar de 1936, e no que se lembrará a figura de todas as vítimas da represión durante a ditadura en Pontevedra. Terá un protagonismo especial a figura de Bóveda e as vítimas "silenciadas e esquecidas" que, segundo Carmen Fouces, son maioritariamente mulleres.
DESCARTAN UNHA HOMENAXE INSTITUCIONAL A BÓVEDA
Con esta proposta, que o BNG elevará ao Pleno do martes, o goberno municipal rexeita a pretensión de Marea de que o Concello de Pontevedra organizase en 2016 unha homenaxe institucional a Alexandre Bóveda, unha proposta que tampouco atopou eco no resto de partidos da oposición.
Carmen Fouces lembrou que Pontevedra xa participa activamente, cada 17 de agosto, nos actos do Día da Galiza Mártir. Trátase dunha programación, dixo, acordada coa Fundación Bóveda e coa súa familia, e que conta cun acto institucional na Caeira -lugar onde Bóveda foi fusilado-, un acto cívico no cemiterio de San Mauro e un acto político organizado polo BNG na praza Curros Enríquez.
"Non estamos capacitados para modificar a estrutura deste acto cando son os protagonistas os que queren que sexa así", concluíu a edil nacionalista.
Relacionadas:
-
A inauguración do Parque Amalia Álvarez convértese nun acto de reparación a súa memoria
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra homenaxeará durante todo 2016 ás vítimas 'silenciadas' da represión franquista
Por Alejandro Espiño |
-
Unha avenida para "unha muller valente, unha nai coraxe"
Por Cristina Saiz & Oskar Viéitez |
-
A inauguración do desdobramento da avenida de Vigo será unha homenaxe a Josefina Arruti
Por Redacción |
-
Completan os traballos para habilitar unha nova zona verde en Filgueira Valverde
Por Redacción |