Fixo a empresa Lar os seus deberes?
Por Oskar Viéitez
Fixo a empresa Lar os seus deberes? Segundo puido saber PontevedraViva a resposta a esta pregunta divide aos técnicos de Urbanismo no Concello de Pontevedra durante as últimas semanas. Fontes de consistorio informan que a discusión interna sobre a urbanización de Tafisa é "bastante gorda".
Todo empezou cando o Grupo LAR intentou xustificar ante o Concello que xa fixo todo o investimento comprometido para non ter que executar a zona verde proxectada xunto ao Estadio da Xuventude (entre o Centro Galego de Tecnificación Deportiva e o Camiño Vello de Castela). Desde Lar sosteñen que a instalación dun transformador soterrado e o roce da parcela é suficiente para cumprir coa súa parte do convenio.
Con todo, no Concello hai dúas correntes entre os técnicos: os que están dispostos a tragar e aceptar o informe e o proxecto executado; e outra parte que non comulga co que se está facendo, sobre todo na construción das zonas verdes do antigo solar de Tafisa.
O responsable político do área, o concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, trata de evitar confrontaciones coa empresa Lar e, segundo trasladan estas fontes internas, "estaría disposto a aceptar sen máis as obras realizadas en toda a urbanización".
O enfrontamento entre os técnicos municipais que defenden unha e outra postura levou a que as obras de urbanización feitas pola empresa Lar non conten co visto bo dalgún servizo do Concello.
Pola contra, a outra parte elaborou un proxecto alternativo ao de LAR, trátase dun "parque biosaludable" nesta parcela do Estadio da Xuventude. Louro xa presentou estes "extras" na negociación do orzamento para este ano 2013.
Pola súa banda a promotora PonteLérez, pertencente ao Grupo Lar, comunicou que está pendente do visto bo municipal para empezar a construír o primeiro edificio, aínda que son públicas as dificultades de financiamento que está tendo co proxecto.