Condenados tres homes polo transporte de dous quilos de cocaína
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra acolleu este luns un acordo de conformidade entre a Fiscalía e tres homes acusados dos delitos contra a saúde pública e tenencia ilícita de armas. En concreto, estas tres persoas organizaron o envío de case dous quilos de cocaína de Vilanova de Arousa a Granada. O vehículo no que se transportaba foi interceptado en Portugal.
Así, os acusados Fernando Suárez Suárez e Juan Manuel Fabeiro Torres, aceptaron unha condena de catro anos e nove meses de prisión e multa de 150.000 euros.
O terceiro acusado, Antonio Heredia Heredia, aceptou unha condena de cinco anos de prisión e multa de 160.000 euros, ademais dunha segunda pena de 6 meses de prisión polo delito de tenencia ilícita de armas, que será substituída por unha multa de doce meses a razón dunha cota de 4 euros ao día.
As condenas son firmes e contra elas non cabe recurso de casación.
En virtude deste acordo o fiscal xefe, Juan Carlos Aladro, rebaixou a súa petición inicial de oito anos de prisión para dúas dos acusados e nove anos e dez meses para o terceiro.
Ademais tivo en conta as atenuantes de confesión tardía e de dilacións indebidas.
Segundo recoñeceron os procesados, en marzo do ano 2011 Fernando e Juan Manuel alugaron un Seat Ibiza na oficina da empresa Avis en Pontevedra, levándoo ata o seu domicilio de Vilanova onde o cargaron coa droga.
Posteriormente este vehículo iniciou unha ruta a través de Portugal para transportar droga ata Granada. Froito de escóitalas telefónicas ás que estaban a ser sometidos desde hai meses, a policía portuguesa procedeu a dar o alto a este vehículo na área de servizo de Trofa.
Comprobando que no coche viaxaban outras dúas persoas que xa foron condenados hai dous anos no país luso. Os axentes localizaron no interior do turismo 1.917 gramos de cocaína.
Varios quilómetros por diante do Seat Ibiza ía noutro vehículo como lanzadeira o outro imputado, Antonio Heredia, que abría camiño para controlar a presenza de policía.
Posteriormente, acháronse nunha vivenda de Granada outros 301 gramos de haxix e 561 de cannabis, así como unha escopeta sen licenza.