Se es universitario e saes as noites dos xoves, atento a estes consellos
Por Redacción
Ante o inminente inicio do curso universitario, e as consecuentes celebracións festivas das distintas facultades e tradicionais saídas nocturnas dos xoves, a Policía Nacional quere lanzar unha serie de consellos dirixidos aos estudantes para evitar que se convertan en vítimas de posibles furtos.
A principal recomendación realizada desde a Comisaría Provincial é que non perdan de vista as súas pertenzas, sobre todo os teléfonos móbiles, pero engaden que tamén é importante, en lugares como pubs e discotecas, non perder de vista bolsos e chaquetas depositados nunha esquina do local.
A Policía lembra que os 'descuideros' actúan fundamentalmente aproveitando as aglomeracións, pois facilítalles que poidan camuflarse mellor entre a xente e evitar a resposta policial. Amparados por tanta xente á súa ao redor, collen os obxectos roubados e desfanse deles en tan só uns segundos porque llo pasan aos seus cómplices.
Ademais, advirte aos universitarios que nas saídas nocturnas adoitan estar máis distendidos e relaxados e é habitual perder de vista as pertenzas, sobre todo os smartphones. Recomenda extremar as precaucións cando leva o móbil na man ou se deposita sobre a barra ou a mesa do bar.
A pesar dos consellos, é posible que moitos acaben converténdose en vítimas dun destes furtos. Nese caso, a Policía aconsella que é importante reter os máximos datos posibles dos autores: cantos eran, idade aproximada, descrición física e das súas vestimentas, se tiñan un acento determinado, marcas, tatuaxes, pendentes ou piercings etc., calquera detalle será importante para a investigación policial.
Ante calquera dúbida, o teléfono da Policía Nacional é 091.