Román Rodríguez visita o centro de Amencer con motivo do inicio do curso escolar
Por Redacción
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, destacou o "compromiso da Xunta de Galicia coa atención á diversidade do alumnado galego", que se concreta en 686.000 euros para o financiamento do transporte escolar adaptado e do servizo de comedor do alumnado con discapacidades.
O conselleiro fixo este venres unha visita ao Centro de Educación Especial de Amencer-Aspace, en Pontevedra, onde compartiu cos nenos estes primeiros días de curso escolar.
Román Rodríguez subliñou o "desexo de aprender" e a "capacidade de facelo" das persoas con discapacidade, "especialmente os mozos" e lembrou que a tarefa da Administración é poñer á súa disposición os medios e recursos necesarios para "favorecer o seu acceso á educación en igualdade de condicións" nun sector da poboación escolar "que require unha atención máis específica, concreta e preferente".
A Consellería de Educación mantén un convenio coa Asociación de Atención á Parálises Cerebral e Afíns Amencer-Aspace, para financiar o transporte escolar adaptado e o servizo de comedor do alumnado con discapacidades.
En total son once as entidades sen ánimo de lucro que teñen este tipo de acordos de colaboración coa Consellería, que inclúen o servizo de comedor, do que gozan 359 nenos, e os desprazamentos de ida e volta desde os domicilios de 200 mozos aos seus colexios e aos centros de rehabilitación. Ademais as asociacións comprométense a facilitar o transporte con vehículos adaptados.
Estes convenios supoñen á Xunta uns 686.000 euros que se corresponden co 80% do gasto derivado da prestación de todos estes servizos.