Unha doce colaboración para unha boa causa
Brownie picante con chile e xenxibre, bica con fariña de castañas, rosquillas ou tatis de castaña, son algúns dos produtos de orixe galega que a nova pastelería da taberna atlántica La Ultramar, dirixida polo cociñeiro galardoado cunha estrela Michelín, Pepe Vieira, comercializará en exclusiva no mesmo establecemento.
Será co obxectivo de colaborar coa asociación Amencer – Aspace, comprometéndose a entregar unha porcentaxe das vendas dos seus novos doces para colaborar no traballo que levan realizando desde 1991 para a atención, sobre todo, da parálise cerebral.
A presentación, que tivo lugar este martes 16 de febreiro nas instalacións do edificio Sarmiento xunto ao Sexto Edificio de Pontevedra, e á que acudiron o propio Pepe Vieira e Mónica Touriño e Carlos Godoy, xerente e presidente da asociación respectivamente, serviu para informar sobre esta nova colaboración.
Coa afirmación de "devolver a Pontevedra o que Pontevedra nos dá", Pepe Vieira revela a súa entrega coa cidade, deixando claro que "moitas veces parece que canto máis lonxe mellor o fas e moitas veces non nos damos conta de que hai xente e que hai asociacións facendo un traballo excepcional por nós a carón de nós".
Isto é, por tanto, unha colaboración caracterizada pola creatividade e baseada en feitos que axuden a ambas as partes xa que "hai moitas maneiras de colaborar non só con diñeiro senón con accións", dixo o cociñeiro.
Doutra banda, Amencer destacou a colaboración e a axuda recibida por Pepe Vieira, xa que a súa imaxe "é unha maneira de visibilizar" a súa loita diaria no apoio ás persoas afectadas por parálise cerebral ou patoloxías afíns.
A institución pontevedresa, que cumpre 25 anos, presta atención directamente nos seus centros a 88 usuarios, contando cun equipo humano formado por 47 profesionais nos centros dispoñibles: Amencer – Aspace Lourizán, o centro de atención integral "Princesa Letizia" en Vilagarcía de Arousa e Amencer – Campolongo.
Desta maneira, a unión destas dúas entidades espera un éxito en todos os sentidos tratando de obter unha gran acollida por parte de todo o público.
Relacionadas:
-
'25 anos, 25 desexos, 25 persoas' de Amencer-Aspace
Por Redacción |
-
Román Rodríguez visita o centro de Amencer con motivo do inicio do curso escolar
Por Redacción |
-
Abre La Ultramar, o novo restaurante de Pepe Vieira no Museo de Pontevedra
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Un gastrobar, barra de viños, tenda e aula-taller: Así será o novo restaurante de Pepe Vieira no Museo
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |