Localizan o corpo baixo a ponte de Monte Porreiro da muller desaparecida o venres
Por Redacción
A desaparición de Agnieszka Ewa Czarnecka-González non concluíu cun final feliz. O seu corpo sen vida era encontrado arredor das 17.00 horas da tarde deste domingo 6 nunha das bases da ponte das Palabras que une Lérez coa urbanización de Monte Porreiro (Pontevedra).
Membros de Protección Civil encontraron o corpo cando rastrexaban a zona, en compañía de familiares e amigos de Agnieszka, intentando localizar a muller de 34 anos, de orixe polaca e que residía, xunto ao seu marido e á súa filla de nove meses, en Vilalonga (Sanxenxo) e que desaparecera o pasado venres 4 cando ía realizar un exame no Centro da Uned en Monte Porreiro.
O corpo encontrábase entre unhas matogueiras xunto ao piar da ponte situado na parroquia do Lérez, preto de onde se atopara o seu vehículo aparcado. Efectivos dos Bombeiros de Pontevedra e axentes da Policía Local acudiron ata a zona para trasladar o corpo situado nunha zona de difícil acceso.
Numerosos veciños de Monte Porreiro e persoas que paseaban durante a tarde deste domingo pola contorna do Lérez seguiron a intervención dos bombeiros e trasladaron o pésame ao marido e familiares da muller.
Relacionadas:
-
Buscan unha muller de nacionalidade polaca desaparecida este venres en Monte Porreiro
Por Redacción | Creada e actualizada