Susto na pastelaría Capri por unha pota ao lume
Por Redacción
Efectivos do Corpo de Bombeiros e a Policía Local de Pontevedra tiveron que intervir a primeira hora da tarde deste martes por un incidente orixinado no obradoiro da pastelaría Capri da rúa García Camba. O establecemento encheuse de fume e foi necesario que os bombeiros realizasen tarefas de ventilación.
O incidente produciuse arredor das 15.30 horas no interior da coñecida pastelaría pontevedresa. Por motivos que se descoñecen, unha pota que estaba ao lume empezou a arder, de modo que desencadeou un densa nube de fume que invadiu toda a zona do obradoiro e tamén a parte dedicada a atención ao público.
Segundo informaron os bombeiros, non chegou a orixinarse ningún lume, senón só fume, de modo que non foi necesario que realizasen tarefas de extinción. Si airearon o local e, tras media hora de intervención, regresaron ao parque. Mentres durou a intervención, a Policía Local regulou a circulación na zona.
En principio, o incidente non causou danos estruturais no local e prevíase que puidese abrir o público con normalidade, pero aínda estaban pendentes de avaliar os danos ocasionados.