A lavadora dunha vivenda de Raxó, orixe da vertedura que afectaba á praia de Laño
Por Redacción
A vertedura que afectaba á praia de Laño xa está totalmente eliminada. Así o anunciou este sábado Augas de Galicia, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.
O problema residía na conexión de augas residuais da lavadora dunha vivenda de Raxó.
Tras a inspección levada a cabo por persoal da Xunta, localizouse o foco contaminante e comprobouse que este se vertía desde un oco sito no muro perimetral da casa cara a praia de Laño, alcanzando desta maneira á Ría de Pontevedra.
Ante a imposibilidade de contactar co particular da vivenda, os inspectores da administración hidráulica solicitáronlle aos técnicos municipais do concello un plan de actuación para a erradicar a vertedura que danaba o dominio público.
Posteriormente, os traballadores do Plan de Control de vertidos realizaron unha última inspección do lugar xunto a persoal do termo municipal de Poio, grazas ao cal a Consellería de Medio Ambiente verificou que o punto de vertedura quedou totalmente eliminado tras o selado do oco.