CC.OO traslada o seu "rexeitamento total" ao traspaso á Xunta da Unidade de Drogodepencia
Por Redacción
Pontevedra quere que a Xunta asuma a Unidade de Atención a Drogodependentes, situada na praza Valentín García Escudero. Así o reiterou onte mesmo a concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, nunha nova comunicación ao Sergas. Pero esta formulación encontrouse co "rexeitamento total" da sección sindical de Comisións Obreiras no concello.
A través dun comunicado asinado por Antonio Millares, CC.OO lamenta que se esgrima o argumento da carga económica que este servizo supón para as arcas municipais, causando unha "gran preocupación" entre os usuarios desta unidade asistencial, as súas familias e os propios traballadores.
O sindicato recorda que a UAD se creou en 1992 e conta con 3.680 historias clínicas. O pasado ano iniciáronse 271 novos expedientes e, na actualidade, atende a 938 persoas de forma regular. Todos eles están tratados por trece traballadores, algúns dos cales contan cunha antigüidade de 23 anos de servizo, prestando apoio e asesoramento aos usuarios e ás súas familias.
Por iso, Comisións Obreiras adiantan que "nos opoñeremos frontalmente a este tipo de formulacións non negociadas e alarmistas", ante o cal solicitarán unha reunión urxente co goberno local para tratar este asunto.
Ademais, pedirán reunións co resto de forzas políticas do concello e con colectivos afectados para estudar as accións a levar a cabo.