Abren o prazo para solicitar os postos de venda nos mercadiños de Baltar e Vilalonga
Por Redacción
Dous meses para entregar as súas solicitudes. É o prazo que terán os vendedores que pretendan seguir exercendo a súa actividade nos mercados de Baltar e Vilalonga, así como aqueles profesionais que desexen incorporarse a estes recintos.
O período de presentación de renovacións e peticións novas comezará o próximo día 1 de setembro e estenderase ata o 31 de outubro.
Os interesados poderán, pois, achegar a instancia correspondente, ademais da documentación requirida, no Rexistro Xeral do Concello de Sanxenxo, en horario de 9.00 a 14.00 horas de luns a venres e de 9.00 a 13.00 os sábados.
Esixirase que acheguen a fotocopia do DNI ou do CIF para aqueles que son persoa xurídica, o permiso de residencia en caso de ser estranxeiro, o xustificante de estar afiliado á seguridade social ou os tres últimos recibos de aboamento da cota de autónomos, certificación expedida pola Axencia Tributaria de estar dado de alta na actualidade no Imposto de Actividades Económicas, os contratos de traballo dos empregados cando os titulares conten con traballadores á súa conta, o carné de manipulador de alimentos se ostenta un posto de alimentación e o seguro de responsabilidade civil.
Para dar o visto e prace á renovación, a Administración local demandará como mínimo que a solicitude sexa presentada dentro do período establecido, que o vendedor teña en regra a documentación, que careza de débedas pendentes no que ao pagamento da taxa municipal por ocupación de vía pública se refire e que non incumprise o número de faltas de asistencia determinado no Regulamento de Mercados en relación á perda do posto.
O mercado ambulante que se desenvolve en Baltar dous días por semana conta cun total de 156 postos de venda e que todos eles necesitarán a renovación do seu permiso para continuar exercendo a súa actividade. No caso de Vilalonga, situación do segundo mercado que acolle o termo municipal de Sanxenxo, o número de postos ambulantes é de 20 e tamén é imprescindible a súa renovación.
As solitudes presentadas máis alá do prazo sinalado non serán atendidas, quedando fóra do mercado para o próximo ano.