Sanxenxo lidera o número de pernoctacións e a estanza media en Galicia
Por Redacción
De "excelentes" cualifica o Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo os datos de xullo para Sanxenxo que se fixeron públicos no estudo de Conxuntura Turística Hoteleira do Instituto Nacional de Estatística (INE).
O número de viaxeiros creceu pasando dos 38.542 aos 48.765 pechando un crecemento do 26,52%. En canto ao turismo internacional, os turistas residentes no estranxeiro pasaron de 3.563 a 5.902 o que significa un crecemento do 66,65%. Con respecto ao mercado nacional o número de turistas variou de 34.979 a 42.863 un crecemento do 22,54%.
En canto ás pernoctacións Sanxenxo sobe das 136.943 ás 167.509 consolidando unha suba do 22,32% e que o sitúa coma o primeiro municipio de Galicia seguido de Santiago de Compostela con 153.636 e A Coruña con 104.047.
No que se refire á estanza media dos turistas pechouse o mes con 3,44 días de estanza en Sanxenxo seguidos de Vigo con 2,20 e A Coruña con 2,05.
En canto ao número de prazas hoteleiras ofertadas no mes de xullo tamén Sanxenxo é líder con 8.309 prazas, ségueo Santiago con 8.133, A Coruña con 5.308 e Vigo con 4.501 prazas.
"Sen dúbida estas cifras chámannos a seguir traballando como se fixo ata hora, dende Turismo de Sanxenxo por e para o noso municipio e coa marca turística Sanxenxo como o grande eixe de todas as nosas accións", declarou Francisco González, xerente do CETS.