Dous feridos graves nun accidente en Ribadumia
Por Redacción
Dúas persoas tiveron que ser atendidas polos servizos sanitarios tras verse implicadas nun accidente de tráfico na tarde deste domingo no término municipal de Ribadumia, segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112.
A alerta polo accidente produciuse arredor das 14.15 horas. O suceso rexistrouse na parroquia de Sisán e nel resultaron feridas dúas persoas que circulaban nun vehículo que quedou no medio dun terreo e sufriu importantes danos materiais na parte dianteira. O vehículo presuntamente colisionou contra outro turismo no que non houbo que lamentar feridos.
Os dos feridos sufriron lesións de gravidade e tiveron que ser atedidas no lugar dos feitos por unha ambulancia do 061 e logo evacuadas a distintos centros sanitarios.
Tras recibir a alerta, o persoal do 112 Galicia informou á Garda Civil de Tráfico e a Protección Civil de Ribadumia e Cambados. Agora investíganse as causas do sinistro, no que algún dos dous turismos puido cometer unha imprudencia circulatoria ao non respectar un sinal de tráfico.