Sanxenxo promocionará en FITUR os seus produtos náuticos, mariñeiros e gastronómicos
Por Redacción
Turismo de Sanxenxo estará presente un ano máis en FITUR, unha das feiras máis importantes do mundo que se desenvolverá en Madrid entre os días 30 de xaneiro e 3 de febreiro, e na que se darán cita os profesionais do sector para definir as liñas de traballo, estratexias e alianzas a desenvolver.
Nesta ocasión, a sociedade conformada polo Concello de Sanxenxo e o CETS participará no salón a través de Turgalicia, que informará no seu stand achega das accións postas en marcha por Turismo de Sanxenxo en canto ao turismo mariñeiro, gastronómico e, como novidade, ao turismo náutico.
De feito, os dous prismas contratados cada ano pola empresa mixta para flanquear a entrada ao pabellón español, o máis concorrido da feira, estarán dedicados por primeira vez a enxalzar as cualidades do municipio en canto á práctica de actividades marítimas, contendo imaxes, pois, do Porto Deportivo Juan Carlos I, entre outras.
"A nosa intención é continuar co camiño emprendido hai uns meses cando apostamos por impulsar a Estación Náutica Rías Baixas -xunto con Cambados e O Grove- co fin de captar o turismo náutico nacional e internacional que transita polo Atlántico", sinalou a concelleira delegada desta área, Almudena Aguín, quen recordou que este obxectivo "levounos a participar no Salón Náutico de París e a preparar tamén a nosa próxima presenza no de La Rochelle".
O desembarco de Nauta Sanxenxo nesta destacada feira da capital francesa conlevou a elaboración dun folleto específico que reúne toda a información necesaria acerca das instalacións e posibilidades que ofrece o porto deportivo, de titularidade municipal. Outro dos aspectos nos que a empresa mixta centrará a súa promoción será no apartado gastronómico, facendo fincapé en produtos como os concursos Sanxenxo DEgusta TAPAS e Sanxenxo DEgusta DRINK, ou os menús Sanxenxo Degustación.
A alcaldesa, Catalina González, reforzará coa súa presenza as accións deseñadas por Turismo de Sanxenxo e aproveitará o seu desprazamento a Madrid para asistir, o próximo día 31 á entrega de bandeiras de Estacións Náuticas. Ademais, a rexedora sumarase o 1 de febreiro á presentación organizada por Portos de Galicia da nova guía de servizos de portos, que inclúe datos sobre os dous equipamientos sanxenxinos.
Ese mesmo día Catalina González acudirá tamén a un acto promovido pola Deputación de Pontevedra e a diversas reunións e encontros con representantes do sector "que estes días estamos a ultimar dende a Concellería de Turismo, aproveitando a presenza en FITUR tanto de profesionais como de administracións", comentou Almudena Aguín.