Os voceiros municipais só se puxeron de acordo para desconvocar o Pleno de agosto
Por Cristina Saiz & Oskar Viéitez
A petición dos grupos políticos do PSdeG e A Marea reuniuse este xoves a xunta de voceiros do Concello de Pontevedra na que o alcalde informou do contido da última reunión mantida co presidente da Xunta de Galicia.
Os socialistas querían coñecer con detalle o que falaron entre Miguel Anxo Fernández Lores e Alberto Núñez Feijóo pero as explicacións brindadas polo rexedor tan só demostraron ao voceiro socialista Agustín Fernández "que a súa capacidade de diálogo con outras administracións está baixo mínimos".
Tino Fernández criticou o alcalde por non formular ao presidente asuntos de tanta transcendencia como Ence, a creación de emprego ou a transferencia de estradas fronte a outros dos que si se falou e que non considerou do mesmo interese como "a normativa de furanchos ou ou mal trato dispensado á cidade polos informativos da Televisión de Galicia".
A vicevoceira do BNG, Anabel Gulías, reprochou ao concelleiro socialista que fixese este resumo dos 45 minutos de explicacións dados polo alcalde.
Tampouco foron do agrado do voceiro do PSOE as explicacións sobre o tratado polo alcalde con Feijóo sobre o pagamento da débeda con Sogama ou a negociación sobre o proxecto de viveiro de empresas para a vella sede da Xunta en Benito Corbal.
Segundo o voceiro socialista, Fernández Lores ten "escasa cintura política" e afirma que "o seu caudal de soberbia e inesgotable".
Pola súa banda, Luis Rei, voceiro de Marea, anunciou que insistirán na súa idea de crear unha comisión informativa para impulsar a tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal e destacou que o goberno local situou ao Concello de Pontevedra como o concello galego de entre 25.000 e 100.000 habitantes que aproba máis acordos contrarios aos reparos formulados polos servizos de Intervención.
No que si estiveron de acordo todos os voceiros municipais, a excepción da concelleira de Ciudadanos que non asistiu á reunión, foi en non celebrar pleno este mes de agosto, xa que as vacacións dalgúns concelleiros e do propio persoal da casa do concello aconsellan atrasar a cita política para o mes de setembro.
Relacionadas:
-
Carme da Silva sobre a oposición e o PXOM: "Non se entende a non ser que sexa por postureo ou por cobrar un pouco máis"
Por Natalia Puga |
-
O PP chama a toda a oposición a un novo intento de "falar en serio do PXOM"
Por Redacción |
-
Alfonso Rueda arrefría os plans do Concello para converter en viveiro de empresas a vella sede da Xunta en Benito Corbal
Por Oskar Viéitez |
-
O PSOE quere que o alcalde dea explicacións da súa reunión con Feijóo na xunta de voceiros
Por Oskar Viéitez |
-
Feijóo e Lores chegan a un principio de acordo para pagar a débeda con Sogama
Por Oskar Viéitez |