O PP pide ao Goberno local que facilite o labor dos responsables dos centros educativos
Por Redacción
O grupo municipal do Partido Popular urxe ao goberno local a elaboración dun documento que reflicta a relación de actividades que oferta o Concello de Pontevedra aos distintos centros escolares da cidade para o vindeiro curso 2015 - 2016.
As concelleiras do PP, Aurora Cañizares e María José Rodríguez Teso, explicaron que ao comezo de cada curso escolar, cada centro educativo ten que elaborar unha Programación Xeral Anual na que deben incluír, entre outros apartados, un programa de actividades extraescolares e complementarias que os rapaces realizarán ao longo do ano.
Por este motivo, os populares solicitan a elaboración dun documento coa relación das actividades ofertadas dende todas as concellarías (Medio Ambiente, Educación, Deporte, Normalización Lingüística, Benestar Social...), "determinando tanto a descrición da actividade, os obxectivos a acadar coas mesmas, os niveis e as áreas nas que se desenvolverán, evitando así un posible solapamento das mesmas no tempo, cousa que ven acontecendo", apuntou Aurora Cañizares.
Deste xeito, o grupo municipal do Partido Popular quere facilitar o labor das persoas que asumen a responsabilidade de redactar a programación nos diferentes centros educativos, ademais de lograr así, que os centros escolares poidan coñecer de antemán e organizar as actividades a realizar ao longo do curso escolar.
Para os populares, tamén sería interesante, que o Concello promova actividades de interacción entre centros de diferentes niveis educativos: infantil, primaria, secundaria, especial.
CIDADES EDUCADORAS
Por outra banda, dende o grupo municipal do PP reclaman que o Concello de Pontevedra faga uso da Asociación Internacional de Cidades Educadoras, á que pertence dende o curso 2008-2009, porque "o desleixo que se amosa non é normal", apuntaron as concelleiras populares.
Dende hai sete anos o Concello non fai aportacións a esta asociación, polo que os populares entenden que "sería bo dinamizar a participación da concellaría na páxina da asociación como o fan outras cidades, participar nos encontros que se producen anualmente e anuncialo debidamente na páxina da Concellería de Educación", sinalou Aurora Cañizares. "Cremos ademais que sería preciso darlle pulo ante os cidadáns, pois nos centros non se teñen coñecemento disto", sentenciou.