Entregan no Concello o material escolar recadado no Festival solidario e Master Class de Zumba
Por Redacción
A organizadora do Festival Solidario e Master Class de Zumba, Adriana García, fixo entrega este martes ao alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, e aos concelleiros Lito Muíños e José Manuel Martínez o material escolar e 165,50 euros recadados durante a celebración do espectáculo músico-deportivo celebrado no pavillón municipal de deportes.
O alcalde, Andrés Díaz, agradeceu a iniciativa solidaria posta en marcha por Adriana García e sinalou que "pese ao mal tempo, que fixo que se tivera que trasladar o festival da Alameda ao pavillón, a xente respostou positivamente porque na cidadanía do noso municipio hai unha alta sensibilidade social á hora de colaborar con iniciativas a favor daquelas persoas e familias que están en situación de especial dificultade económica".
Andrés Díaz agradeceu a iniciativa e a todas as persoas que doaron libretas, lápices, pinturas, mochilas, forros para libros, en fin, material escolar "porque ás veces pequenos xestos contribúen a facer grandes cousas".
Tanto o material escolar como os cartos foron entregados aos Servizos Sociais do Concello quen serán os encargados de mercar máis material e facer un axeitado reparto entre os nenos de familias do municipio que estean en situación que precise desta axuda.