76.000 euros a repartir en obras en Campo Lameiro, Meaño e Moraña
Por Redacción
O director xeral de Administración Local, José Alberto Pazos Couñago, asinou este martes tres convenios de colaboración para a mellora de infraestruturas e servizos nos concellos pontevedreses de Campo Lameiro, Meaño e Moraña. O importe total dos convenios ascende a 76.446 euros.
Os dous primeiros dos convenios, os de Campo Lameiro e Meaño, asináronse ao abeiro dunha orde de subvencións da Vicepresidencia para a creación ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais destinadas a concellos galegos en 2015.
Así, a Xunta subvencionará con 20.000 euros ao Concello de Campo Lameiro para a execución dun proxecto de abastecemento e depuración das augas no núcleo de Paredes, na parroquia de Santa María de Muimenta; mentres que o de Meaño recibirá 26.446 euros para ampliar a rede de saneamento no lugar de Truvisquido e mellorar o abastecemento de auga en Quintáns e Iglesia, na parroquia de Simes. Ambas actuacións teñen como finalidade dotar dun servizo básico e demandado ás vivendas destes núcleos poboacionais.
As axudas están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural.
FONDO DE COMPENSACIÓN AMBIENTAL
Doutra banda, Pazos Couñago asinou tamén un convenio con Moraña ao abeiro das axudas do Fondo de Compensación Ambiental, unha iniciativa que a Xunta puxo en marcha hai cinco anos para que, por primeira vez en Galicia, os concellos galegos puideran beneficiarse das explotacións de enerxía eólica, grazas ao canon eólico.
Nesta ocasión, o concello de Moraña recibirá 30.000 euros para a execución de actuacións destinadas á conservación e restauración do regato de Grixó, un espazo natural destacado de gran valor ambiental e etnográfico, que agora verase revitalizado como zona de recreo para uso deportivo e lúdico dos seus veciños e visitantes.
Para a consecución de dito obxectivo levaranse a cabo diversas actuacións como o acondicionamento do camiño existente, a construción dunha pasarela de madeira, a mellora dos pasos existentes no rego e a instalación de sinalización ao longo do paseo, entre outras.