Na Festa de Vilagarcía 189 condutores dan positivo, pero non pola auga
Por Oskar Viéitez
Un total de 189 condutores foron denunciados pola Garda Civil de Tráfico por conducir despois de consumir alcohol ou drogas nun dispositivo especial de vixilancia levado a cabo con motivo da celebración da pasada Festa da Auga en Vilagarcía de Arousa.
Segundo informaron fontes oficiais da Guardia Civil de Trafico, dos condutores denunciados, 19 deron resultados positivos en drogas e os 170 restantes por alcohol. En total realizáronse 3.068 probas.
Dos 170 condutores que deron positivo, a 161 denuncióuselles por vía administrativa, mentres que aos 9 restantes se lles instruíron dilixencias para o seu posterior traslado á autoridade xudicial por superar a taxa de 0,60 mg/l en aire expirado.
Ao mesmo tempo, formalizouse a imputación de 4 condutores máis por supostos delitos contra a seguridade vial (2 condutores por conducir tras esgotar o saldo de puntos do seu permiso de conducir -un deles foi interceptado, por un vehículo policial rotulado, tras saltarse un punto de mostraxe de alcohol/drogas-, outro máis por nunca ter obtido o permiso para conducir e o último por conducir despois de ser privado do dereito a conducir en razón dunha sentenza xudicial).
CONTROIS DE DROGAS
Realizáronse 29 probas de detección de drogas. Dos condutores sometidos ao test salival para comprobar a presenza no organismo de drogas, 19 resultaron positivas, é dicir o 65,5% do total, aos cales se lles formulou expediente denuncia por vía administrativa.
Como vén sendo habitual, entre as drogas máis consumidas están o cannabis (14 casos), a cocaína (5 casos). Ademais en 5 condutores detectouse policonsumo, é dicir, positivo a máis dunha substancia, nun determinado o analizador de drogas detectou a presenza de ata catro substancias - cocaína, THC 25, metanfetaminas e anfetaminas.