Unha batalla de película
Por Mónica Patxot
As rúas de Pontevedra reviviron un ano máis unha guerra infantil de confetis e serpentinas. Unha batalla na que só hai vencedores, os nenos.
Música, humor, disfraces e fantasía ao longo de todo o percorrido que este ano tivo como temática as películas que máis gustan aos pequenos.
Unha decena de carrozas desfilaron pola cidade con protagonistas como Tadeo Jones, os dinosauros de Jurassic World, Shrek, Cincenta, Maléfica, Peter Pan, os Piratas do Caribe ou Mickey Mouse entre outros personaxes da gran pantalla.
Pero ademais houbo moita música interpretada por grupos de percusión, agrupacións folclóricas, charangas e ata un home orquestra portugués.
Pallasos, acróbatas, bailarinas, equilibristas, malabaristas, patinadores, como nun gran circo todos contribuíron a este grande espectáculo, ata o exército de varredoras e operarios de limpeza parecían formar parte da posta en escena.