CC.OO. irá á Fiscalía para denunciar a Mutua Universal por prácticas de acoso aos traballadores de baixa
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido
O sindicato Comisións Obreiras (CC.OO) denuncia que a Mutua Universal está levando a cabo prácticas de control abusivo sobre os traballadores que se encontran de baixa dando a alta laboral sen que se recuperasen totalmente. Por este motivo, o secretario comarcal de CC.OO., José Luis García Pedrosa, anunciou que van elaborar un informe cos casos máis graves que levan recollidos con esta actuación para presentalos ante Fiscalía coa intención de que evite estas prácticas ao considerar que van en contra dos dereitos máis básicos dos traballadores.
Neste sentido, García Pedrosa puxo como exemplo o caso, dos tres que levan recollidos nos últimos tres meses, dunha traballadora de axuda a domicilio da empresa Clece á que a Mutua Universal deu de alta, unha decisión que revogou o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) ante o recurso da empregada. Tras dez sesións de rehabilitación, a mutua volveu darlle a alta e, unha vez máis, o INSS revoga a decisión.
Segundo Carmen Pérez, delegada de persoal en Clece, a solución da doenza da traballadora dependen dunha intervención cirúrxica, que non recibiu e, polo tanto, carece de sentido que "lle dean a alta por curación".
Dende o sindicato indican que estas actuacións se están a realizar por parte de diversas mutuas dende a implantación da nova Lei de Mutuas a finais de 2014. Denuncian que se busca que os traballadores estean en activo o maior tempo posible sen ter en conta se se encontran recuperados para poder desempeñar o seu emprego.