A avenida de Vigo e o seu ámbito vivirán oito días de cortes de tráfico por obras
Por Diego Torrado
Os traballos que está a acometer o Concello de Pontevedra para mellorar a avenida de Vigo, o novo vial de desdobramento -Josefina Arruti- e todo o seu ámbito suporán esta semana e a próxima cortes de tráfico e reestruturacións circulatorias temporais. En total, serán oito días de actuacións.
Segundo informou o Concello, realizaranse traballos de fresado e asfaltado, actuacións de grande envergadura que se realizarán gradualmente durante dúas semanas para evitar o maior número de molestias aos veciños e comercios, co propósito de afectar o menos posible a garaxes e á actividade comercial neste ámbito.
A Policía Local, os servizos de enxeñería do Concello e as empresas concesionarias elaboraron un plan de traballo encamiñado a reducir as posibles molestias, incluíndo un operativo de tráfico específico. Segundo o mesmo, entre os días 21, 22 e 23 de xullo farase o fresado de todo o ámbito e a última semana de xullo será o asfaltado.
O fresado abarcará a avenida da Estación, o cruzamento con Fernández Ladreda, Fernando II (parte) e a avenida de Vigo. Na avenida de Vigo traballarase o día 21 en dous tramos horarios: de 08.00 a 14.00 horas entre Fernández Ladreda e Herminia Fariña Cobián, e de 14 a 21 horas dende Herminia Fariña Cobián até o Luís Seoane. Con carácter xeral as entradas e saídas á cidade serán polo desdobramento da avenida de Vigo.
No caso da avenida da Estación, os traballos serán o mércores 22 e queda habilitado un sentido desta avenida, pero hai cambios en todo o entorno. O xoves 23 fresarase a rúa Fernando II, dende as 08.00 ata as 13.30 horas. Salvo neste punto, o tráfico restaurarase en todo o ámbito.
Os traballos de asfaltado acometeranse a partir do luns 27 de xullo e afectarán a todas as rúas nas que se realizou o fresado e no desdobramento da avenida de Vigo e Luís Seoane. O propio luns traballarase na avenida da Estación; o martes 28 será o turno da avenida da Estación e Fernando II; e o mércores 29 tocaralle á avenida de Vigo, que se fará por tramos horarios. Ata as 14.00 horas será o tramo entre a rúa da Estación e Herminia Fariña Cobián e ata as 21.00 horas traballarase dende Herminia Fariña Cobián ata Luís Seoane.
Os días 30 e 31 será o turno da nova rúa Josefina Arruti e de Luís Seoane.
Relacionadas:
-
Últimos retoques á Avenida Josefina Arruti
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Restricións de tráfico dende o luns no ámbito da estación de autobuses por traballos de asfaltado
Por Redacción |
-
Confirman que Josefina Arruti dará nome ao desdobramento da avenida de Vigo
Por Redacción |
-
Todas as obras da contorna da Avenida de Vigo estarán rematadas antes do inicio do curso
Por Redacción |
-
Ábrese o desdobramento da Avenida de Vigo ao tráfico sen incidencias
Por Redacción |