Dous feridos nunha colisión de madrugada entre un coche e unha moto en Caldas
Por Redacción
Dúas persoas resultaron feridas e tiveron que ser trasladadas ao hospital na madrugada do sábado ao domingo tras verse implicadas nun accidente de circulación na parroquia de Godos, en Caldas de Reis.
Segundo informou Protección Civil de Caldas, o sinistro produciuse arredor das 00.30 horas uns metros antes da gasolineira da parroquia de Godos, na estrada N-640, e consistiu na colisión entre un turismo Opel Kadett e unha motocicleta Suzuki.
As dúas persoas que resultaron feridas eran os dous ocupantes do vehículo de dúas rodas. Tiveron que ser trasladados por unha ambulancia de Urxencias Médicas de Galicia 061.
Ao lugar do accidente desprazáronse efectivos de Protección Civil, a Policia Local de Caldas, a Garda Civil de Tráfico e o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Valga. A Garda Civil instruíu dilixencias sobre o acontecido e os voluntarios de Protección Civil encargáronse da limpeza da calzada.
Os vehículos implicados tiveron que ser retirados por guindastres, de modo que o operativo se prolongou ata as 2.20 horas da madrugada.