O novo alcalde de Cuntis denuncia que o anterior goberno deixou sen pagar 50.000 euros das festas de 2014
Por Redacción
O alcalde socialista de Cuntis, Manuel Campos, denuncia a situación económica que se encontrou á súa chegada á alcaldía debido a que o anterior grupo de goberno deixou sen pagar as actuacións das festas patronais celebradas en agosto de 2014. Segundo sostén, unha soa factura a unha empresa ascende a 45.000 euros. A ela hai que sumar outras pequenas actuacións.
Manuel Campos considera que é unha falta total de responsabilidade a actuación por parte do anterior grupo de goberno do Partido Popular e reclama explicacións aos organizadores dos eventos, a asociación cultural 'Terra de Baños'.
Por outra parte, o alcalde de Cuntis acompañado polo concelleiro de Cultura, José Enrique Portela, mantiveron unha reunión cos veciños para analizar a organización das Festas Patronais deste ano. Diversos veciños manifestaron a súa dispoñibilidade para axudar a organizar as actividades deste ano, que contarán cun presuposto aproximado de 30.000 euros.