Detido por ameazar cun coitelo e zarandear a súa compañeira de piso
Por Redacción
A Policía Nacional detivo na noite deste martes un veciño de Pontevedra como presunto autor dun delito de ameazas graves con arma branca por supostamente ameazar cun coitelo a súa compañeira de piso, insultala e zarandeala, causándolle danos.
Os feitos aconteceron sobre as 22.20 horas da noite no piso que ambos os dous comparten na rúa Alcalde García Filgueira, na zona da Parda, no que tamén vive a súa nai. O home, de 51 anos, ten antecedentes policiais e foi trasladado á Comisaría mentres que a súa vítima foi trasladada ao centro médico da Parda e, posteriormente, ao Hospital Montecelo.
Segundo informou a Policía Nacional, a muller chamou persoalmente á central do 091 relatando que o seu compañeiro de piso o estaba a ameazar cun coitelo. A raíz da chamada, unha patrulla trasladouse á vivenda e entrevistouse coa presunta vítima, que lles relatou o sucedido instantes antes.
Segundo relatou, ambos os dous iniciaron unha forte discusión na que el a agarrou e zarandeou, proferiulle insultos e ameazas a berros e chegou a poñerlle un coitelo no pescozo. Por estes feitos, el foi detido, pasou a noite na Comisaría Provincial e este mércores foi posto a disposición do Xulgado de Garda.