O 39% das festas de Interese Turístico da provincia de Pontevedra son gastronómicas
Por Oskar Viéitez
Turismo Rías Baixas repartirá entre os nosos visitantes unha guía coas 36 festas de Interese Turístico de Galicia que se celebran na provincia de Pontevedra, entre elas as 8 que teñen recoñecemento de Interese Turístico Nacional e as 3 que o teñen a nivel internacional. A guía está editada como un caderno de argolas na que se incorporan as distintas festas formando un arquivo coleccionable.
Segundo recolle na súa introdución, no "país da festa", en 24 das 50 provincias que integran España celébranse festas de interese Turístico Internacional, situándose Pontevedra á cabeza, xa que ocupa a terceira posición, detrás de Alicante e Murcia.
As 36 festas que se mencionan neste libro foron ordenadas de forma cronolóxica, seguindo o ano natural.
Segundo explicou en rolda de prensa a deputada responsable da área de Cultura, Ana Isabel Vázquez, a guía se editou en español e en inglés, e se contempla a posibilidade de traducila a outros idiomas como o portugués e o francés.
Entre o máis rechamante, neste ficheiro destácase que o 39% das festas de Interese Turístico da provincia de Pontevedra son gastronómicas, o 27% culturais e un 7% históricas.
Ana Isabel Vázquez explicou que Pontevedra foi pioneira na creación das primeiras festas destinadas á promoción dos seus recursos. Foi nas décadas dos 50-60, coincidindo cos tímidos inicios do posterior desenvolvemento turístico. Así nacen citas como o Albariño (Cambados), o Marisco (O Grove), a Troita (Ponte Caldelas) ou o Carneiro ao Espeto (Moraña).
Ao longo do tempo as festas evolucionan entendendo a necesidade de fusionar devoción con diversión, un exemplo de convivencia en harmonía como as festas patronais de San Roque-Festa da Auga (Vilagarcía).