Amplían a zona de mesas en Portocelo e a iluminación do vial cara Lapamán
Por Redacción
O Concello de Marín levou a cabo durante os últimos días dúas actuacións moi demandadas polos veciños do concello.
Por unha banda, operarios municipais colocaron máis mesas de pedra na parte pública da zona do bar de Portocelo. Trátase dun mobiliario urbano moi utilizado polos usuarios da praia para comer durante os días de verán.
Segundo destaca o goberno municipal, esta actuación supón "facilitar máis comodidades para que a xente poida pasar un bo intre á sombra deste espazo".
Ademais, finalizaron tamén as obras de reposición dun tramo de iluminación entre Os Caños de Moledo e Lapamán, na PO-551.
Este tramo atopábase en moi mal estado, sendo un dos máis antigos do término municipal. O investimento incluíuse dentro do Plan de Investimentos que Marín remitiu á Deputación. Supuxo un custo de 40.000 euros, grazas ao cal colocáronse 48 luminarias tipo LED con cableado e a reposición dun cadro eléctrico, mellorando a eficiencia e o aforro enerxético.