Os ladróns adiantan o seu agosto no quiosco da Illa das Esculturas: xeados e antucas
Por Natalia Puga
O quiosco instalado na Illa das Esculturas, ao pé do parque infantil e os campos de fútbol da Xunqueira, amenceu este domingo máis desabastecido do habitual. Os ladróns fixéronlle unha visita nocturna e, cando os responsables acudiron para abrir o negocio, encontráronse con que se levaran unha boa cantidade de mercadoría e a caixa rexistradora enteira, 300 euros de recadación incluídos.
Ademais do diñeiro, os ladróns leváronse un botín gastronómico a base de snacks, pipas, gomas de mascar, xeados ou botellas de alcohol, ao que habería que engadir dúas antucas das utilizadas para protexer do sol as mesas do quiosco e unha máquina expendedora de bólas de xoguete para nenos.
Para acceder ao quiosco e levarse este botín tan estival, os ladróns fracturaron a fiestra lateral da estrutura. A Policía Nacional investiga agora se deixaron pegadas na súa acción, de modo que a Policía Científica xa acudiu ao negocio para solicitar probas.
Os responsables do negocio decatáronse do sucedido sobre as 9.45 horas deste domingo, cando acudiron para abrir o quiosco, pero o roubo tivo que producirse nalgún momento da madrugada, pois sobre as 23.00 horas deixaran as instalacións totalmente pechadas e en perfecto estado.