A Deputación licita tres obras na cidade de Pontevedra por mais de 550.000 euros
Por Redacción
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica este venres 26 a licitación de tres obras na cidade de Pontevedra cun financiamento, a cargo da Deputación Provincial, que ascende a 556.837 euros. Os traballos que se van acometer son:
- A rehabilitación da Rúa Ruibal, cun proxecto que busca a mellora desta rúa dende a avenida Fernández Ladreda, na estrada PO-546 ata Marín, no enlace coa PO-551, Salcedo-Pontevedra. O presuposto sitúase en máis de 241.000 euros cunha actuación de reparación dos danos que presenta o vial por culpa das inclemencias do tempo e respóndese tamén ás demandas veciñais para mellorar a seguridade na zona. Regularase o pavimento, van instalarse elevacións e mellorarase a rede de saneamento. O prazo de execución destes traballos é de 4 meses.
- A reforma da ponte do río Rons en terreos da Xunqueira de Alba considera unha reparación que ascende a máis de 130.000 euros, financiados integramente pola Deputación. A obra céntrase en garantir as condicións de seguridade dunha vía de comunicación alternativa entre esta zona e o estadio de Pasarón coa estrada de Vilagarcía. Desta forma, evítase que os vehículos teñan que trasladarse ao nó dos bombeiros, que conta cun exceso de tráfico rodado. Establécese un prazo de execución das obras de 6 meses.
- Por último, o BOP tamén recolle a rehabilitación da estrada de acceso a Marcón. Englóbase dentro dos acordos establecidos entre o concello de Pontevedra e a institución provincial e considera a reparación superficial deste vial por importe de 184.645 euros. Prevese a reparación dende a rúa Camposanto ata Pedra do Lagarto nun prazo de 4 meses.
As empresas interesadas en cada unha das obras dispoñen dun prazo de 26 días naturais para presentar as súas propostas.