Lores solicita formalmente unha entrevista coa ministra de Fomento, Ana Pastor
Por Redacción
A través dunha carta, datada hai unha semana, o alcalde de Pontevedra solicitou formalmente unha entrevista coa ministra de Fomento, Ana Pastor, para abordar con ela asuntos e proxectos relacionados co seu departamento. Chega a invitala, ademais, a que sexa durante unha nova visita institucional á súa cidade.
Na misiva, Miguel Anxo Fernández Lores recórdalle á ministra que os pontevedreses referendaron "por ampla maioría" o pasado 24 de maio "un modelo sostible de cidade, moi atento cos espazos públicos e a seguridade". E neste ámbito, Fomento ten sobre a mesa actuacións que Pontevedra demanda dende hai tempo.
O alcalde avánzalle a Ana Pastor que desexa tratar con ela "ou coas persoas que ti designes" o estado de tramitación de proxecto de conexión peonil e ciclista entre Mollabao e Os Praceres "felizmente protagonista dun evento durante a campaña electoral no que participaches".
Ademais, Lores ten previsto interesarse pola conversión do vello trazado ferroviario entre Pontevedra e Arcade nunha Vía Verde ou por cuestións que afectan á seguridade vial en varias estradas de titularidade estatal.
Por último, o rexedor pontevedrés insta a avanzar nos detalles da inauguración do desdobramento da avenida de Vigo, obras que están a punto de finalizar.